Friday 29 de March de 2024

O equipo Ecofriendly 21 de down Coruña reforesta un espazo na Laracha


· Un grupo de integrantes de Ecofriendly 21 levaron a cabo unha plantación de Bosque Atlántico en total sete especies

Dentro das actividades de formación do programa Ecofriendly 21 varios integrantes do equipo participaron na reforestación dun espazo no municipio coruñés da Laracha.

A actividade consistía en achegar á zona novos exemplares que permitisen recuperar a frondosidade do bosque. Buscábase, ademais que as persoas asistentes, integradas no programa Ecofriendly 21, aprendesen a técnica e metodoloxía que require a plantación das especies elixidas. Neste caso incorporáronse exemplares de Bosque Atlántico, en total sete especies.

A formación foi impartida pola Fundación para o Fomento do Desenvolvemento e a Integración ( FDI), unha ONG cuxo fin social céntrase na integración socio – laboral de persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión a través da educación e o deporte, así como o compromiso co medio ambiente. Tamén participaron voluntarios de Indra. Ademais, como profesionais do equipo de Down Coruña, acudiron Lorena Lemos e Claudia Sánchez, acompañadas por Tania Álvarez, voluntaria da Asociación

O programa Ecofriendly 21 é un proxecto promovido por Down Coruña, que pretende mellorar a inserción laboral de persoas con síndrome de Down e Discapacidade Intelectual a través da activación dun itinerario adaptado de inserción.

Participan no mesmo persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual que terminaron a etapa educativa e que requiren unha alta intensidade de apoios para o seu acceso ao mercado laboral. O proxecto desenvólvese na cidade da Coruña e a súa zona metropolitana de influencia.

Esta acción formativa adaptada teórica – práctica permite a obtención dunha certificación profesional privada de axente de acción ambiental. A formación esténdese nun total de 800 horas.

Sobre Down Coruña

A Asociación Down Coruña, ten como fin xeral mellorar a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down, procurando o completo desenvolvemento das súas capacidades individuais e favorecendo a súa plena integración familiar, social, escolar e laboral. En definitiva, o desenvolvemento dunha vida na que se respecte a dignidade da súa propia identidade.